1 junio, 2011

Reunión dunha delegación da Executiva Nacional do BNG

O Bloque Nacionalista Galego  condiciona “calquera posíbel pacto de goberno” nos concellos a un acordo sobre base programática que se traduza en “programas serios” contra o paro, a exclusión social e a favor da igualdade e da defensa da lingua e da cultura de Galiza.

Así o manifestou esta tarde o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, nun encontro cos medios de comunicación previo á reunión que unha delegación da Executiva mantivo con concelleiros e concelleiras electos do BNG naqueles municipios nos que a formación nacionalista ten opción de acceder á alcaldía ou é a forza decisiva para a gobernabilidade.

Guillerme explicou aos medios que, en función do acordado polo Consello Nacional, serán “as localidades” as que decidan se o Bloque Nacionalista Galego forma ou non parte de gobernos en concellos en que non teña a posibilidade de acceder á alcaldía.

Na eventualidade facer parte deses gobernos, avanzou Guillerme, “promoveremos pactos serios, con programas serios, para avanzar na conformación de concellos activos na defensa da igualdade, a lingua e a cultura de Galiza e contra o paro e a exclusión social”.

Explicou o portavoz nacional que o BNG defende novas políticas desde os concellos, “de acordo co que defendimos durante a campaña electoral”. O BNG non avalará, por tanto, políticas de dereita desde os gobernos municipais.

Nese sentido, Guillerme defendeu que os orzamentos municipais sexan “anticíclicos e anticrise e que neles sexa prioritario o gasto social e o gasto produtivo”.

O portavoz nacional deu conta tamén da celebración dun encontro entre unha delegación da Executiva Nacional do BNG -conformada pola Secretaria de organización, Montse Prado, o Secretario de Acción Municipal, Manuel Antelo, e o Secretario de Finanzas, Francisco García- con membros da dirección do PsdeG-PSOE.

“Nesa reunión fixémoslle chegar oficialmente cal é a posición que fixou este sábado pasado o Consello Nacional. É dicir, que o BNG, en ningún caso vai favorecer nin por activa nin por pasiva a chegada do PP ás alcaldías e que o BNG, en todo caso, favorecerá a gobernabilidade”.

OPERACIÓN CAMPEÓN

Inquerido sobre a operación “Campeón” dixo que neste momento hai unhas investigacións policiais e xudiciais que afectan basicamente ao goberno do Partido Popular. Guillerme acusou ao PP de tentar ocultar as súas responsabilidades coa vella táctica de botar tinta de lura sobre os demais.

“O que está claro é que a operación “Campeón” afecta exclusivamente ao Partido Popular e ao seu goberno. Que se deixen, pois, de botar tinta de lura sobre os demais”, enfatizou.

Fuente: Web del B.N.G

A Illa de Arousa News , , , , , , ,
About

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *