×

A Illa de Arousa .Com ® Ayuda Online

Hola, en qué podemos ayudarte?

Hola, necesitas ayuda?

21 noviembre, 2010

O mandato tivo dúas velocidades … José Manuel Vázquez

«O mandato tivo dúas velocidades: o ritmo que lle deu o bipartito e o freazo de Feijóo»

Foi un dos alcaldes máis novos de Galicia e o primeiro saído das urnas de A Illa de Arousa. Once anos despois e con 38 anos ás súas costas, Manuel Vázquez, segue sendo a cabeza máis visible do goberno do Concello máis pequeno da comarca de O Salnés, pero á vez, un dos máis dinámicos de toda a ría de Arousa.

–O seu primeiro mandato con maioría absoluta entra na súa recta final ¿Que valoración faría do mesmo?

–Desde o noso punto de vista foi un mandato moi positivo, cun alto número de xestións que acabaron materializándose nun investimento que se achega aos trinta millóns de euros, repartida entre obra pública, educación, medio ambiente ou emprego entre outras. De todas formas, neste mandato tamén se viron dúas velocidades, unha co Bipartito, na que se impulsaron proxectos moi importantes para este Concello, e outra con Feijóo no goberno, donde sufrimos un importante freo nas inversións. Quizais o exemplo máis claro é o obradoiro de emprego. Durante o Bipartito, setenta persoas puideron formarse para acceder a un posto de traballo, mentres que desde que goberna Feijóo denégase este proxecto pese a contar coa asesoría dos propios técnicos da Consellería de Emprego e ser moi innovador. Pensamos que o PP da Illa deberá explicar esa decisión política algún día, pois é unha formación que aspira a gobernar e estase a perxudicar aos veciños con ela….



–¿Tanto se notou ese cambio de goberno na Xunta?

–Si, e negalo sería non recoñecer a evidencia. Na Illa houbo un déficit de infraestructuras provocada pola marxinalidade á que nos condenou a Xunta do Partido Popular de Manuel Fraga. Eses 16 anos foron moi difíciles. O Bipartito, sen facer todo o que debería, permitíu o despegue deste Concello, algo que se víu freado nos dous últimos anos. Só hai que mirar ao redor e ver que as grandes inversións, as obras que se están facendo foron licitadas polo Bipartito. Obras como o Punto Limpo, o Museo da Conserva ou a rehabilitación da ponte, que algúns chegaron a dicir que non era necesaria e agora queren levarse os méritos da mesma. De todas formas, estamos traballando en sacar adiante, sempre coa necesaria colaboración entre institucións, cuestións como o futuro centro de saúde.

–Durante este mandato tamén houbo momentos de crispación, se ben non tan graves como no anterior.

–Esa crispación debeuse fundamentalmente á manipulación que algúns intentaron facer de determinados feitos. Un exemplo claro foi o vial do Xufre. Algúns andiveron a manipular á xente e cambiando de forma constante a súa postura. Primeiro estaban a favor, despois estaban en contra e dicían que se gañaban as eleccións que non se faría, agora queren quedarse cos méritos. Eles saberán porque o fixeron, nós apostamos pola estrada porque era necesaria para o desenvolvemento desta vila e sempre estivemos no mesmo sitio. Con Costas e o POL pasou algo semellante. Non entendo a actitude dalgunha xente que se mobilizou e se pechou no Concello daquela e agora que se está redactando esta norma tan nefasta para os intereses da Illa están calados. Supoño que se debería a movimentos políticos.

–A ampliación do Xufre é quizais a obra máis importante que se desenvolve en A Illa nestes momentos.

–É unha obra moi demandada e necesaria para un dos portos máis importantes da ría de Arousa. En 1999, cando cheguei á Alcaldía existía un acordo entre todas as entidades sociais desta vila apostando por un proxecto determinado. Foi rexeitado pola Xunta de Fraga. Non foi ata a chegada do Bipartito cando se dou luz verde á primeira fase, que está sen rematar despois de dous anos. O pasado mes de xaneiro, o presidente de Portos e a conselleira do Mar presentaron un proxecto moi ambicioso co que estamos dacordo, pero sorprende que nos orzamentos para 2011, non exista unha soa partida consignada para levalo a cabo, por iso se aprobou a moción do último pleno. Cremos que é necesario facer un contradique no norte para abrigo dos barcos, porque todos vimos o que pasou con «Flora», do que aínda non se pagou un euro en axudas. Neste tema, como noutros, o PP da Illa está botado ao monte, xa que ao votar a favor da moción está recoñecendo implícitamente que Feijóo non apoia e marxina á Illa

–Entre as promesas para este mandato quedan as vivendas sociais e os parkings

–As vivendas sociais sigo pensando que é un proxecto que vai saír adiante. Son moi necesarias para á Illa, pero están pendentes das reformas da Lei do Solo e do POL. Hai unha listaxe de persoas, que nós imos respetar, na que hai xente de todas as ideoloxías, porque este tema non entende de partidos políticos. Os estacionamentos soterrados dependen de Portos e existe o compromiso do seu titular de que neste mes de novembro se ían redactar os pliegos de licitación do proxecto para a súa construcción.

–¿Terá A Illa algún día 5.000 habitantes?

–Estamos convencidos de que así será, sobre todo cos índices de crecemento que estamos tendo nos
últimos anos.

–O PP considera que os datos do INE amosan o seu fracaso neste ámbito ¿Houbo algún tipo de política para empadroar ás persoas?

–Non entendo porque o consideran un fracaso, porque en todos os anos a poboación e o censo aumentaron, polo que non se pode considerar un fracaso. No entanto, si se pode considerar fracaso a súa actitude, unha actitude que os levou a enganar ao Concello polo que deberían traballar e xestionar para mellorar a calidade de vida dos seus veciños, pero nesa formación hai xente que só figura como concelleiro.

–A seis meses das eleccións é obrigado preguntarlle se vai repetir como candidato á Alcaldía

–Iso decidirano os militantes do partido en asamblea, un encontro que se vai celebrar a finais deste ano, cando o calendario electoral do PSOE fixa a elección dos cabeza de lista para os Concellos de menos de 20.000 habitantes. A nivel persoal, que a xente me elixira durante tres mandatos como alcalde é algo que colma todas as miñas aspiracións e estou moi agradecido.

–A loita máis importante durante os seus anos de mandato foi a singularidade, que semella que o POL non lles outorga

–Sempre a reclamamos, todos os grupos, con mocións aprobadas en pleno. De feito, xa nas suxerencias feitas ao documento inicial reflectíamos que tiñan que contemplarse as nosas particularidades orográficas, porque se nón a afectación aos veciños é moi grande. Non se fixo, polo que volvemos a presentar alegacións no mesmo senso e agardamos que sexan tidas en conta, unhas alegacións nas que contamos co apoio das entidades sociais e económicos deste Concello, ademais das alegacións particulares que se presentaron. Sorprende que ante o perxudicial que é este documento algunha xente permaneza calada.

–¿Que prantexamentos se fan nesas alegacións?

–Cremos que é necesario tratar de forma singular a este Concello e que o punto de partida mínimo ten que ser o que fixa o PXOM, que xa de por si é moi restrictivo. Estamos todos dacordo en que todas as áreas de reparto teñen que ser catalogadas, na nomenclatura que se emprega no POL, como G1 para que poidan desenvolverse. Somos o único Concello insular de Galicia e iso ten que ser tido en conta.

–¿Que vai pasar coa multitude de «chiringos» de praia que están no litoral da Illa?

–Están denunciados pola Policía Local e contan cun expediente aberto por parte deste Concello. Toda esa información foi remitida á Axencia Pola Legalidade Urbanística (APLU) para que actúe, pero vai moi lenta. A nós gustaríanos que a execución fose inmediata para evitar a proliferación destes «chiringos» porque, unha vez asentados, resulta complicado aplicar a legalidade. É algo co que debemos rematar para evitar o deterioro e a mala imaxe das zonas nas que se atopan.

Fuente: Faro de Vigo

A Illa de Arousa News
About

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

  • cuatro × uno =