Agónico, á par que épico. Así se escribíu o empate in extremis colleitado o pasado domingo polo Céltiga no seu derbi co Xuventú Sanxenxo no campo do Revel. Un 2-2 posible por un penalti no terceiro minuto do tempo de desconto que Fernando transformou en dúas ocasións, obrigado polo colexiado do choque, o santiagués Marcos Quintela, a repetilo.
Os homes de José María Rial foron quen de levantar un 2-0, co plantel e coa afección do Xuventude Sanxenxo encolerizada co colexiado do encontro. E non só polo dubidoso penalti na prolongación, senón sobre todo por dous tantos anulados con antelación ao conxunto local, que poderían ter variado completamente o reparto final de puntos.
O Céltiga puxo o domingo moito máis en xogo co seu adversario, con seis xornadas ás costas sen coñecer a vitoria, e ao termo dunha semana na que a directiva lle deu un toque de atención ao plantel, esixíndolle un cambio de rumbo máis acorde coas miras dun club que puxo todos os medios para un retorno express á Terceira hoxe xa practicamente imposible.
O presidente do equipo da Illa, Manuel Dios, Martiñán, amosouse onte a nivel persoal razoablemente satisfeito pola actitude observada nos xogadores do seu equipo. «O cambio foi total» neste aspecto, comentou. «O equipo entregouse, e aínda que non remontou, conseguíu o empate. E iso faise con traballo. Creo que o resultado final foi xusto».
Martiñán reiterou que desde a directiva «lle imos dar tranquilidade e confianza ao equipo para que traballe. Non imos estar cuestionándonos o que faga cada semana». Preguntado pola posible incorporación de reforzos, o presidente non descartou botar man desa baza, pero aclarou que «de momento non» visto como está o mercado.
Fuente: La Voz de Galicia
+ Noticias de A Illa de Arousa