7 noviembre, 2010

«A Arousa sempre vai comigo, é algo que levarei dentro sempre» José Luis Dopico Orjais

Entrevista a José Luis Dopico Orjais por María Hermida

Atende José Luís Dopico -nado na Illa de Arousa, pero afincado nas terras barbancesas- no seu lugar de traballo, o colexio de Taragoña (Rianxo), que actualmente dirixe. Non fala nunha estancia calquera. Faino nunha aula moi especial. É o museo do centro, un espazo onde se poden atopar dende vellos apeiros de labranza á historia dos músicos rianxeiros. Nótase a man deste home, que se define como «músico antes ca nada», nas paredes e murais. «A verdade é que dende que nos deron o premio Antón Fraguas e puidemos poñer en marcha o museo intentamos facer cousas interesantes, por exemplo, temos moitas partituras antigas e temos, quizais, unha das máis importantes coleccións de fotos das bandas de Rianxo», di mentres sinala ás imaxes que saúdan dende o fondo da aula rianxeira.

-Deberiamos empezar falando do seu gran traballo, de que editou o cancioneiro popular máis antigo de Galicia, pero antes teño que preguntarlle por todo isto, ¿como é que este colexio ten un museo tan apegado á música, é cousa súa?

-Eu fixen, en colaboración cos alumnos, algunhas cousas. Temos, por exemplo, a historia da familia dos Pinchudos, unha das sagas máis importantes de músicos de Rianxo. Esta terra é terra de músicos. Rianxo é música en grande maneira; hai que pensar que xa os seus grandes intelectuais eran músicos. De aí que no museo do colexio, aínda que tamén temos unha parte de etnografía, tratemos este tema cos cativos.

-Xa que falamos de cativos, conte os seus comezos na música cando era neno… alá na Illa de Arousa…

-Pois aínda que nacín no Grove, efectivamente, de pequeno xa fun para  A Illa de Arousa, e é aí, nesa Arousa sen ponte na que iamos en motora ao instituto, onde tiven o meu primeiro mestre de música. Precisamente, foi un home de Taragoña, Fortunato Iglesias, que fora represaliado e que marchara para a Illa. Era un clarinetista fabuloso.

-De aí pasou a formar parte do grupo Leixaprén, ¿que recordos ten desa etapa?

-Foi unha época hippie, de moi bos recordos. Despois involucreime na creación do conservatorio folk de Lalín e tamén me convertín en mestre. De feito, no Barbanza, dei clases en sitios como Olveira. E agora exerzo en Taragoña, de aí que fixara a miña residencia en Rianxo, onde espero xubilarme.

-¿Como xurdiu o de empezar a investigar no eido da música tradicional galega?

-A primeira vez foi por encargo dunha editorial, traballei sobre os cantos e bailes de Galicia. Despois, grazas a uns amigos que me fixeron chegar fotocopias dun manuscrito que se conserva no museo de Pontevedra, xurdiu o de Marcial Valladares. Empecei a tirar do fío, contactei coa familia e empecei a investigar na súa casa, na Estrada, onde atopamos outro manuscrito, de puño e letra, de Valladares. É dicir, o Ayes de mi país. En determinado momento decidín que había que editalo, e para iso apoieime en Isabel Rei, profesora de guitarra e ademais natural da Estrada.

-¿Que importancia ten ese cancioneiro popular?

-Moita, é o primeiro do que se ten constancia, xa que data de 1865. Ayes de mi país é fundamental por ser unha obra pioneira. Incluso a nivel da península, é moi importante, xa que ten unha data moi antiga. Ademais, inclúe unha parte literaria interesante, con letras en galego, onde se empeza a ver o influxo tamén do castelán, por exemplo en coplas relacionadas co porto de Vilaxoán.

-¿Queda moito por facer en relación coa música tradicional galega, ou xa se investigou dabondo?

-Queda case todo por facer, alguén ten que botar man disto. Non sei se hai que facer un arquivo, ou cal é a fórmula, pero hai moito que traballar. A nivel local pódese facer moitísimo pola música tradicional galega, iso dende logo. É máis, deberíase facer canto antes. Xa digo, temos o deber de recuperar toda esa riqueza existente.

Fuente: La Voz de Galicia

Fotografía: Carmela Queijeiro

+ Noticias de A Illa de Arousa

A Illa de Arousa News , ,
About

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *