11 diciembre, 2010

Un libro para as mulleres da Illa … por María Santalla

Houbo un tempo, e non hai tanto, no que na Illa estaban afeitos a escoitar os bruídos das fábricas. Entón, as mulleres apuraban os seus quefaceres na casa e marchaban correndo en resposta a esa chamada ao traballo. Un tempo no que nunha Illa aínda sen ponte había nada menos que nove fábricas de conserva. Dese tempo fai memoria Juan Fernández Casal, quen fora o último xefe de fábrica de Goday, a quen aos oitenta e tantos anos aínda lle quedaban folgos de sobra para escribir un Anecdotario de la conserva .

Esa publicación presentouse onte nesa fábrica na que Juan Fernández pasou tantas horas da súa vida, hoxe reconvertida nun centro de interpretación da conserva destinado a gardar a memoria deses tempos. Con Fernández Casal e co alcalde Manuel Vázquez estivo unha boa representación dos veciños da Illa, moitos deles tamén antigos traballadores das fábricas. Incluso os dous mozos da foto de portada que, cuns poucos quiliños máis, non quixeron perder ese momento.

O rexedor destacou o traballo que fixo Juan Fernández para recuperar e contar ese «compendio de vivencias» que é o libro que onte se presentou, e agradeceu o traballo non só do autor, senón tamén de Juan Dios Chaves, ou Juan da Morena, que aportou moita da documentación e das anécdotas que configuran este traballo. Del tamén se acordou Fernández Casal, quen fixo unha intervención cun «forte contido emocional». Non en van ía falar de recordos, dunha época «moi afastada xa» pero non tanto como para que na Arousa aínda se lembre.

O libro fala dos anos transcorridos entre principios da década dos cincuenta e o 1958, de cando se subhastaba no Campo, e de Francisco Faldrán, que conducía as poxas. «Hoxe nada queda daquelas fábricas. Só o recordo, que se vai esquecendo pouco a pouco». Por iso, para que non se esqueza, Juan Fernández, cando soubo da creación do centro de interpretación da conserva, cavilou que se cadra podía facer algo para que ese saber que só dan os anos e as vivencias non se perda. Así xurdiu este Anecdotario da conserva que lle quixo dedicar ás mulleres da Illa, «as miñas amigas, traballadoras da conserva», quenes tamén, a través das conversas, colaboraron á hora de ofrecer información para este libro. Por elas, tamén, o traballo está escrito en castelán, porque lle dixeron que lles resultaría máis doado lelo nese idioma.

O Concello da Illa e Caixanova colaboraron na edición deste libro do que se editaron 2.000 exemplares. Quen asistiu onte á presentación puido xa facerse con un, e ata conseguir unha dedicatoria do seu autor. Os demais serán distribuídos polos domicilios do municipio.

A Illa de Arousa News, María Santalla , , ,
About
Un Comentario
  1. Unha gran paxina e o mellor interpetre que podia ter, Alejandro Moreira unha gran persoa e amigo, unha boa idea a do sorteo, sorte a todos!!!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *